...Para sorrir...

- A nosa encargada de hoxe, Aitana, estaba debuxando o cadro do día cando lle pregunto: e iso que estás facendo que é? un sol?. -Non profe, é unha araña. -Ah, claro. A ti gústanche as arañas? A min non me gustan! -Profe, non se comen eh!! (Por sea caso se me ocorría...) (28.09.10)

-Hoxe mirando as letras do Libro dos Nomes,cando chegou o turno da letra X que se ilustraba cun xilófono, pregunto: e esta letras como se chama? é a de piano (confunde alguén), non é a de xilófono-di Iria.-Si, é a de xilófono-afirmo. -Si, pero tiene unas mosquitas ahí...-di Aitana con cara de noxo mirando as notas musicais que saian do instrumento.(05.10.10)

-Hoxe aprendemos os nomes dos dedos, logo do corazón ao que me referín como "pai de todos" sinalei o seguinte (o índice ou furabolos) Ramón adiántase: "nai de todos"... (e con moita lóxica!si, señor!) (18.10.09)

-Cando Ramón, o noso encargado de hoxe estaba facendo o seu cadro, tod@s ían dicindo que tiña que debuxar: ollos, nariz, dentes..eu preguntáballe para que servía cada cousa. Cando Paloma di: Labios!! que serven para pintar! (está claro que é unha función imprescindible..) ;) (21.10.10)

- Hoxe estabamos traballamos froitos do outono e aprendemos que a bellota chámase tamén landra, en galego. Ademais Paloma, moi convencida pregúntame se sei como se dí en inglés, ante a miña negación dime moi convencida e cun acento moi británico: BE-LLOT! (sen palabras.... :) (12.11.10)

-Hoxe Alejandro cando tocou o timbre para entrar no cole, botouse a chorar porque quería ir co seu irmán. Moi apenado dime: É que eu son grande! -Si, claro que eres maior! -Por iso, teño que ir para a clase dos maiores!! (Razón non lle faltaba! :) (17.11.10)

-Hoxe logo de estampar os seus beizos Alba andaba con moito coidado para non borralos, por iso dixo moi emocionada : -Cuando vea esto mi madre va a flipar! (Flipar, flipamos tod@s con estes pequech@s!! ) (19.11.10)

-Fai uns días, os pequechos estaban coa profe Gloria traballando cando Alejandro moi serio se lle acerca e lle pregunta con moito sentimento: Profe, queres ser a miña moza? (13.12.10)

-Hoxe ensaiando o final da obriña que imos representar no festival, Aitana moi convencida levantou as mans cos compañeiros e desexounos un FELIZ CUMPLEAÑOS! (en lugar de Feliz Navidad) :) (13.12.10)

-Hoxe Carolina trouxo unha merenda moi especial...eran uns "palitos" como eles lles chaman que viñan nun bonito cofre entón a conversa das tartarugas na hora da merenda xurdiu en torno a tesouros e fantasía..Moi orgullosa do seu artiluxio lle dixo as súas amigas: - Comproumo miña mamá no "tesorario". (pura lóxica..se de herbas-herbolario, de tesoro...) :) (13.12.11)

-Hoxe na hora de escoller o recanto para xogar libremente, acércaseme Aitana apenada: -Profe, nadie quiere venir conmigo al Carrefour. Ao ver a miña cara de circunstancia, sinaloume o "recanto do súper". :) (19.01.11)

-Hoxe Paloma, que non é moi comedeira, interrumpe a actividade para mirarme moi seriamente e dicirme: -"Profe, a miña nai díxome que me doían as pernas porque solo teño huesos" (20.01.11)

-Hoxe no recreo lucía un sol radiante, tanto que Alba estaba un pouco incómoda: "Me molesta en los ojos esta claridad. Será mejor llamar a Dios para que apague un poco la luz". (10.03.11)

-O gatiño Ramón achégase a Alejandro que estaba sentado traballando, a ensinarlle algo, pero éste moi concentrado contéstalle: -Ramón non me interrumpas que me desconcentras". Estes gatiños fanse maiores...;) (16.03.11)

-Que día é hoxe? Vintee....(digo sinalando o número 20).
-Vintecero-contesta Alba moi satisfeita. A ver quen lle dí o contrario...:) (20.05.11)

-A profe Mª José logo de ver unha estrela que acababa de pintar Alba díxolle: -Alba, esta estrela podería estar mellor pintada.... -Profe, éste es mi arte!!- contéstalle ela moi emocionada. (24.05.11)

-Hoxe Paloma lastimouse o beizo coa mesa e logo de consolala e pasado un tempo. Mírase ao espello e dime...Profe! pero si parece que teño un "picnic" sinalando o golpiño. -Será un piercing-dígolle eu. -Si, eso un piercing rojo!! (07/06/11)

Mostrando entradas con la etiqueta o corpo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta o corpo. Mostrar todas las entradas

26 de noviembre de 2010

O Libro Botiquín

Onte e hoxe tamén estivemos engadindo os utensilios ao noso Libro botiquín. Xa temos xiringa, algodón, tiritas...e iremos engadindo máis cousiñas..xa veredes!


24 de noviembre de 2010

Que ten un botiquín?

Seguimos traballando no proxecto do corpo e por suposto, relacionándoo cos coidados e enfermidades deste. Onte falamos dos accidentes e das situacións perigosas e hoxe das consecuencias destes. Por iso a profe nos ensinou un botiquín, xa sabíamos moitas cousas del pois temos un de xoguete no recanto do xogo simbólico, pero hoxe ensinounos un de verdade!!

Logo a profe propúxonos facer o noso propio "Libro-botiquín" e puxémonos mans á obra. Comezamos coa XIRINGA coloreamos o seu debuxo e fixemos con papel prateado un agulla, as tartarugas escribiron o seu nome e así quedou a nosa primeira páxina...Xa volo iremos ensinando!

19 de noviembre de 2010

As nosas pegadas...

Hoxe falamos das pegadas, das partes do noso corpo que poden deixar pegadas e como estamos construíndo un libriño do corpo puxémonos man á obra...estampamos os nosos pés, as nosas mans, os nosos dedos e os nosos beizos!! Isto encantounos porque ademais a profe deixounos andar cos beizos pintados o resto da mañá...pero que presumidas estas pequechas!!! Anduveron todo o día con moito coidado de non borrarse!
Ademais aproveitamos os nosos zapatos para facer una serie do máis grande (que era o da profe) ata o máis pequeno.
Mirade...



O resultado foi este:

14 de noviembre de 2010

Creamos caras...

Esta semana como xa vos contamos estivemos traballando as partes da cara a través dunha poesía. E buscando nas revistas e empregando outros materiais como plastilina creamos cariñas...

11 de noviembre de 2010

En mi cara..

Así é como comeza a poesía que estamos traballando no cole, onte grabámonos dicindoa (pero por problemas técnicos a profe non é capaz de subila para que nos escoitedes :( .... e ata comemos palomitas de maíz como di!!! que ricas estaban!!
Esperamos nuns días ensinarnos o noso traballiño final!!!
De momento deixámosvos a súa letra con pictogramas, tal e como a estamos traballando no cole!


21 de octubre de 2010

Os dedos teñen nomes?

Esta semana estivemos traballando o nome dos dedos, falamos de que poden chamarse de moitos xeitos, pois coñecían nomes como pulgar ou meñique. Nós, aprendémolos cunha canción e fixemos unha man cos seus nomes para ensinar na casa.

"Pequeniño, pequeniño,
onde estás?
aquí estou.
Gusto en saudarte (bis)
Xa me vou (bis)"
Así con todos os dedos: pequeniño, medianiño, pai de todos, furabolos, matapiollos...ata acabar con toda a familia (man completa). Se lle preguntades aos nen@s seguro que saben!
Ademais tamén saben un contiño cos dedos!!
Deixamos unha foto para que vexades como quedou a man de Lorena, pois a profe esqueceuse de sacar fotos e só lla quitou a dela que a trouxo para arreglar hoxe, porque se lle rompeu

14 de octubre de 2010

Para que serve o embigo?

Hoxe a profe leunos o conto que trouxo Carolina, "O embigo de Xanecas " (Ed.OQO) pero antes falamos do que era o embigo...

Profe: Vos tendes embigo?
Todos: Siiiiiiii!
Profe: onde?
todos: aquí! (sinalan a barriga, moitos incluso levantan a roupa e o ensinan)
Alejandro: Eu tamén teño!
Profe: Todos temos non?
Todos: si!
Carolina: O meu é pequeniño.
profe: e para que serve o embigo?
Ramón: para respirar.
Paloma: por se che doe a barriga.
Sara: porque se o tocamos moito sale sangue.
Ramón (insiste) : para respirar
Alejandro: Non! é para soplar!
Profe: Pero vos respirades polo embigo?
Paloma: o aire vai por aquí, e métese pola nariz e logo sopla.
Profe: A ver, vos para que credes que serve o embigo?
Aitana: Para echar aire.
Profe: O voso embigo bota aire?
Todos: Non
Profe: Entón?
Lorena: No sé..
Alba: Mmmm..Cuanda duele el ombligo está mal..
Ramón: Eu creo que non, é para respirar.
Sara: es un burato.

Coa lectura do conto e da axuda da profe, fomos entendendo que o embigo, si serve para respirar (como moitos dicían) pero cando aínda estamos na barriga de mamá...

6 de octubre de 2010

Para mover o esquelete...

Deixovos a canción que bailamos hoxe. Aos peques encantoulles!

Quedamos abraiados!

Hoxe na clase apareceu unha caixa máxica!! si, si! así como volo digo! Bueno, algúns xa a viron onte cando acompañaron aos papis á reunión pero desconfiamos de que fóra o trasniño máxico onte ao saír nós...
Esta caixa ten unha manga para meter a man o que nos permite tocar o que ten dentro antes de abrila e de ver o que hai dentro, e claro...todos probamos a ver que sentiamos!! todos os gatiños e todas as tartarugas meteron a man e coincidiron en que tocaban un papel, agás 1 ou 2 que tocaron tamén un libro e ata unha cuna lle pareceu sentir a Ramón!!
E efectivamente, ningún ía mal encamiñado, cando Alejandro, que era o encargado do día abriu a caixa alí estaban: un conto dos Bolechas, un póster dun esquelete, un depresor dos que teñen os médicos para ver a gorxa e unha venda!
Agora si que xa temos cousas para ir investigando...

5 de octubre de 2010

que sabemos do corpo? e da saúde e as enfermidades?

Logo da carta do trasniño, na asemblea falamos de todo isto....

PROFE: que sabedes das enfermidades?
SARA: é a varicela
ALEJANDRO: meu irmán tiña varicela e quedou na casa un día
PALOMA: hai que comer patatas, carne...
PROFE: comer iso é bo?
CAROLINA: si, lechuga..
PALOMA: ensalada, aceitunas
TANIA: xurelos
VARIOS: sopa, polo...
IVÁN: tamén ovo cocido
PROFE: cando estamos enfermos onde hai que ir?
VARIOS: ao médico
CAROLINA: eu un día chorín porque me puxeron unha pincha
VARIOS: si e por que?
CAROLINA: porque estaba maliña
SARA: un día doiame a barriga e tiven que ir ao médico
ALEJANDRO: Borja un día tivo varicela eu quedei con papi
LORENA: eu un día estiven un pouco enferma.
CAROLINA: mami tiña un bebé e tiña cordón umbilical e puxéronlle unha tirita porque lle cortaron
PROFE: que é o cordón umbilical?
ALGUÉN: unha pulsera
CAROLINA: sale polo embigo
PROFE: e do corpo? que sabedes?
IRIA: temos nariz
ALGUÉN: temos corpo
SARA: huesos
CAROLINA: corazón
...
....
.......
Como vedes sabemos moitas cousas pero tamén temos moitas curiosidades, ideas mesturadas, e moitas cousas máis que imos a aprender!
estade atent@s.....

Comezamos un proxecto...

Onte o trasniño máxico que visita a nosa clase de cando en vez...deixounos unha carta!
Unha carta na que nos contaba a súa preocupación pola saúde. Nela cóntanos que el é moi larpeiro e que lle encantan as chucherías pero que no bosque dos trasnos onde habita dinlle que iso de comer tantas lambetadas non é bo...Nós, as tartarugas e os gatiños, estamos dispostos a axudarlle e por iso faremos unha investigación sobre o noso corpo e as enfermidades....Seguro que aprendemos moitísimas cousas e poderemos informar ao trasniño do que é bo e do que é malo para a súa saúde.